O valor das palabras | Paco Veiga | LGx15

Поділитися
Вставка
  • Опубліковано 3 лип 2024
  • Intervención de Paco Veiga no LGx15 de 2023
    ---
    A intervención realiza un pequeno percorrido por conceptos (“palabras”) que axudan a debuxar a situación lingüística actual, desde a perspectiva de que, se non reflexionamos colectivamente sobre o que está sucedendo -sen pre-xuízos- dificilmente poderemos mirar cara ao futuro.
    Entre eses conceptos están:
    - colingüismo… situación que pensabamos desterrada, tanto entre nós como, practicamente, no mundo, e que empeza a asomar de novo en Galicia.
    - dilexia (“dúas falas”): a difícil -aínda- confrontación do/a falante natural co estándar. A norma como atentado á fala. A necesidade de poñer en valor o dialecto.
    - diculturalismo: a diglosia cultural, que non acompaña sempre a diglosia lingüística, pero que fai imposible desterrala.
    - normalización cultural: como paso previo da normalización lingüística. Tamén, as outras normalizacións, incluída a económica.
    - plurilingüismo: ou o inglés disfrazado… con ausencia de avaliación.
    - autoridade: ou a ausencia dela. O papel da RAG e dos colectivos “normalizadores”… e os seus camiños.
    - eufemismos diglósicos: ou a utilización, na actualidade, do castelán para evitar o galego “malsoante” (“cerdo” por “cocho”, por exemplo).
    - glotofaxia: o canibalismo lingüístico que non cesa.
    ---
    Paco Veiga naceu na parroquia da Órrea, no concello de Riotorto, na comarca da Terra de Miranda, en 1961.
    Mestre e pedagogo, traballou en diferentes centros educativos de Primaria e no programa Preescolar na Casa. Participou en proxectos de radio e televisión educativas. Con todo, na maior parte da súa vida profesional exerceu como profesor de Lingua e Literatura en Secundaria, sobre todo no IES de Melide, onde traballou 29 anos ata que, recentemente, se xubilou.
    É autor dunha tese de doutoramento titulada "Xogo popular galego e educación, vixencia educativa e función de identificación cultural dos xogos e enredos tradicionais", considerada a primeira tese que en Galicia analizou o noso patrimonio lúdico, como creación cultural xenuína, dun xeito global. É autor tamén dalgunhas publicacións sobre o mesmo tema.
    Paralelamente, tratou de desenvolver unha liña de reflexión sobre o concepto de normalización cultural, antes que estritamente lingüística, partindo da hipótese de que o idioma só pode ser contemplado integrado nun todo que vai máis alá da propia lingua. Un certo número de artigos e de colaboracións en obras colectivas son o produto desta faceta de traballo. Neste sentido, e xunto con outras profesionais do IES Melide preocupadas polo mesmo tema, creou a neoloxismo diculturalidade ou diculturalismo para intentar describir unha realidade paralela á diglosia, pero neste caso referida á cultura galega, tradicional ou non.
    Membro fundador e primeiro presidente da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, entidade integrada no Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego.
    É tamén membro de Nova Escola Galega, da Asociación de Veciños e Veciñas de Santa Comba da Órrea e da Asociación Cultural Avelino Díaz (A Órrea - Meira).
    ---
    #LGx15. Ideas para o futuro da lingua | www.lgx15.gal | Teatro Principal | Pontevedra | 28 de outubro de 2023 | Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) | www.ctnl.gal
    ---
    Colaboracións: Secretaría Xeral de Política Lingüística | Concello de Pontevedra | Deleite | Fundación Galicia Sustentable
  • Розваги

КОМЕНТАРІ •