A FEGAMP afronta o 2025 con todo o compromiso para resolver as competenciais e o financiamento
Вставка
- Опубліковано 25 січ 2025
- “Os concellos galegos e a FEGAMP temos claramente acreditada a nosa vocación colaborativa coa Xunta, co Goberno, e con todas as institucións e organizacións coas que coincidimos no labor de mellorar a calidade de vida nos nosos municipios”
“Non somos unha administración secundaria e merecemos recibir a atención e o tempo que sexa preciso da Xunta de Galicia e do Goberno de España para abordar as dificultades que xorden e resolvelos en común”
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2025.- A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) celebrou un almorzo informativo cos medios de comunicación para facer balance da xestión desenvolvida en 2024 e os resultados obtidos, e sobre todo, para salientar os principais retos do municipalismo galego para o 2025 que está a comenzar.
No almorzo informativo participaron o presidente da FEGAMP, Alberto Varela, e a secretaria xeral, Patricia Vilán, que atenderon ás persoas profesionais dos medios que asistiron.
Comezaron as intervencións cunha mención á reelección de Alberto Varela como presidente da FEGAMP, sendo o primeiro presidente reelixido para un segundo mandato, para pasar a sinalar que en 2025 o bloqueo na interlocución e coordinación coas outras administracións na resolución dos problemas competenciais e de financiamento padecido no ano 2024, ten que superarse e resolverse optimamente para os concellos galegos.
Principais retos para 2025
O presidente da FEGAMP afirmou que “afrontamos o 2025 con optimismo e con todo o compromiso para poder seguir exercendo como a administración máis próxima, dando resposta nas mellores condicións ás necesidades da cidadanía que nos corresponden” sinalando que “do mesmo xeito, os concellos galegos e a FEGAMP temos claramente acreditada a nosa vocación colaborativa coa Xunta, co Goberno, e con todas as institucións e organizacións coas que coincidimos no labor de mellorar a calidade de vida nos nosos municipios”.
Alberto Varela proseguiu reiterando que “as principais teimas que temos urxencia por resolver se engloban ao cumprimento do establecido para o financiamento público local, ao que os concellos temos dereito recollido na Constitución, e que ten que provir das administracións autonómica e estatal”. Nun contexto no que parece haber consenso en reformar o financiamento público, “as administracións locais tamén temos que ter o noso papel nese proceso e, sobre todo, a mellora estrutural da situación do noso financiamento, xa que estamos a falar de mellorar as capacidades de atención dos servizos que prestamos á cidadanía”.
“Vencellado co financiamento público está a delimitación competencial para evitar que as administracións autonómica e estatal deixen sen cumprir as súas obrigas sobre competencias que lles corresponde, e sigamos sendo os concellos os que teñamos que asumir eses servizos en condicións cada vez máis precarias, o que tamén repercute na calidade do servizo e no condicionamento económico da nosa xestión”.
Varela se detivo en reclamar “respecto e coordinación institucional” porque os concellos “non somos unha administración secundaria e merecemos recibir a atención e o tempo que sexa preciso da Xunta de Galicia e do Goberno de España para abordar as dificultades que xorden e resolvelos en común, independentemente da afinidade política. O municipalismo galego somos 313 gobernos locais e 4 gobernos provinciais, lexítima e democraticamente elixidos, e contamos co respaldo da cidadanía que elixiunos como os seus representantes. Esa é a nosa forza, que aínda é maior cando actuamos dende o consenso da elaboración colectiva das propostas e reivindicacións, como na última Asemblea Xeral da FEGAMP de novembro de 2023.
O presidente da FEGAMP fixo fincapé lembrando que “as propostas políticas dos concellos son xustas, necesarias e rigorosas. E tamén son públicas, acreditando estar elaboradas dende a información oficial emanada das administracións e organismos competentes” e anunciou que “neste 2025 e diante de esta situación, temos a obriga de resolver estas dificultades, reformulando en positivo o noso labor, con máis implicación e compromiso, e apelando á responsabilidade das outras administracións”.
Toda a info en fegamp.gal/con...