Santiago Auseron. A música na Grecia antiga e a orixe da filosofía

Поділитися
Вставка
  • Опубліковано 3 вер 2023
  • Santiago Auserón Marruedo (Zaragoza 1954) estudou Filosofía na Universidade Complutense de Madrid (1972-1977) e na Uni versité de Vincennes, París VIII (1977-1978), baixo a dirección de Gilles Deleuze. Foi nomeado Doutor en Filosofía no ano 2015 pola Facultade de Filosofía da UCM defendendo a súa tese Música en los fundamentos del logos.
    Foi cantante e compositor do grupo musical Radio Futura (1980-1992), recoñecido por diversas emisoras de radio e revistas especializadas como o mellor grupo español da década dos 80, mellor grupo español dos últimos 25 años, segundo a votación de RNE Radio 3, realizada no ano 2004, e mellor produto musical español, segundo o estudo estadístico publicado na Revista Española de Investigaciones Sociológicas no 2014.
    Desde 1977, Santiago Auserón publica artigos sobre música, arte e pensamento en diarios e revistas especializadas. Realizou a tradución do libro La Ciudad Infinita de Catherine François (Pre-Textos, Valencia, 1992). Dá conferencias sobre a nova música popular e outras de contido filosófico e musical en distintas Universidades. Publicou La imagen sonora. Notas para una lectura filosófica de la nueva música popular (Episteme, Valencia, 1998); Canciones de Radio Futura (Pre-Textos, Valencia, 1999); o artigo “Notas sobre Raíces al viento”, no libro Las culturas del rock (Pre-Textos, Valencia, 1999); e El ritmo perdido (Península, 2012), entre outros.
    Desde 1984 investiga as raíces do son cubano. Produciu a recompilación de música tradicional cubana Semilla del Son (cinco álbumes, 1991-1992). Colaborou na organización dos Encuentros de poetas y soneros cubanos na Casa de América de Madrid (1993), e os Encuentros del Son y el Flamenco da Fundación Luis Cernuda de Sevilla (1994 e 1995). Produciu a Antología de Fran cisco Repilado, Compay Segundo (1996). É membro fundador da Fundación CEIBA Afroiberoamericana de Cultura, en Sevilla.
    En 1993 emprendeu un novo proxecto musical, Juan Perro, o cal se caracteriza por un eclecticismo que funde o son cubano, a música africana, o jazz e o blues, entre outros. Con Juan Perro obtén multitude de premios, como ao mellor músico do ano, mellor disco de rock latino en español (por Raíces al viento, segundo a revista La banda elástica de Los Ángeles, EE UU, 1995), ou o premio á mellor traxectoria artística (La banda elástica, Los Ángeles, EE UU, 2000). En recoñecemento ao conxunto do seu labor cultural recibe a Medalla de Ouro Santa Isabel de Portugal da Deputación Provincial de Zaragoza (2002).
    A súa actividade artística e intelectual foi e continúa a ser intensa, e constantemente recoñecida. No ano 2022 publicou Arte sonora. En las fuentes del pensamiento heleno, reelaboración da súa tese de doutoramento sobre a música grega antiga. Ese mesmo ano presentou o disco da banda Juan Perro, «Libertad», editado por La Huella Sonora. No mes de setembro pasado, San tiago Auserón recibiu o Premio á Traxectoria do Festival Altaveu e en outubro foi nomeado Fillo Predilecto da Cidade de Zaragoza. Ademais, a editorial Demipage publicou «Luz de mis huesos», antoloxía das súas letras, seleccionadas polo poeta Francisco Javier Irazoki. En decembro de 2022 recibiu a Medalla de Ouro do Mérito nas Belas Artes que outorga o Ministerio de Cultura de España.
    A música na Grecia antiga e a orixe da filosofía
    A partir da súa tese de doutoramento, Música en los fundamentos del logos, e da súa posterior reelaboración para ser publicada en libro: Arte sonora. En las fuentes del pensamiento heleno (Anagrama, 2022), Santiago Auserón presentará unha síntese das ideas xerais que de ditos traballos se derivan, en busca de novos camiños de investigación. Partindo dunha descrición da orixe sagrada da mousikḗ tékhnē na Grecia arcaica e do seu influxo na evolución do lógos desde o período arcaico ao período clásico, abordará o significado das dualidades entre imaxe e son, entre son verbal e son musical, tal como se expoñen desde os poemas homéricos en adiante, o xiro que se produce na tradición coa expansión do uso da escritura, os intercambios simbólicos a que ese xiro dá lugar no terreo da representación, o proceso polo que os filósofos subliman a harmonía, o modo en que a teoría musical renova a relación coa tradición e a posibilidade de soster que o ritmo, aínda relegado ao marco da prosodia e o metro do verso, proporcionou aos gregos antigos un primeiro modelo de abstracción. Esta análise permite unha reinterpretación crítica das orixes do pensamento occidental e sitúanos ante a necesidade de cuestionar as súas posibilidades de transformación.

КОМЕНТАРІ •